O mundo do desenvolvemento de software avanza a unha velocidade vertixinosa, e 2025 non está a ser a excepción. As tecnoloxías emerxentes, as novas formas de traballar e a presión por ser máis eficientes e sostibles están a transformar profundamente a industria. Pero cales son as tendencias clave que deben ter no radar as empresas que queren seguir sendo competitivas??
Neste artigo, contámosche as 6 principais tendencias en desenvolvemento de software en 2025 que marcarán o rumbo do sector.
1. IA xenerativa como copiloto do desenvolvemento
A integración de IA xenerativa no ciclo de desenvolvemento xa non é opcional. Ferramentas como GitHub Copilot ou CodeWhisperer están a axudar aos desenvolvedores a escribir código máis rápido, detectar erros antes e automatizar tarefas repetitivas. En 2025, o verdadeiro valor estará en combinar a intuición humana coa velocidade da IA para mellorar a calidade e reducir os tempos de entrega.
Ademais, están a xurdir novos contornos de desenvolvemento (IDEs) deseñados especificamente para integrar a IA no proceso de desenvolvemento, como Void, Cursor ou o propio Visual Studio Code potenciado con Copilot. Neste contexto, tamén destaca JetBrains, que aposta por un enfoque centrado na privacidade. Están a desenvolver o seu propio modelo de IA, orientado á mellora de implementacións de código, dispoñible en todos os seus produtos —e mesmo nalgúns da competencia—, como demostra a súa iniciativa JetBrains AI - Junie.
Con todo, a medida que incorporamos estas ferramentas, é crucial non perder de vista a protección de datos. Usar IA para programar pode supoñer unha cesión involuntaria de información confidencial. Por iso, convén anonimizar o máximo posible a informacion para que non sexa identificable ou conteña datos confidenciais, estabelecer políticas de Zero Day Retention, ou mellor aínda, apostar por solucións que se executen de forma local sempre que sexa posible. Só así se evita a transferencia de datos —propios ou de clientes— a terceiros, un risco que pode contravir a normativa de protección de datos e xerar consecuencias legais significativas para as empresas.
2. Low-code e non-code para acelerar a innovación
As plataformas low-code e non-code seguen gañando terreo, especialmente en contornos empresariais que necesitan solucións áxiles sen depender por completo de desenvolvedores sénior. Estas tecnoloxías como Make.com, Zapier ou alternativas Open source como n8n, permiten a equipos multidisciplinares participar directamente na creación de produtos, democratizando o desenvolvemento e acelerando a posta en marcha de novas ideas.
3. Enfoque DevSecOps: seguridade desde o deseño do Software
Co incremento de ciberamenazas e a complexidade dos sistemas, o enfoque DevSecOps cobra máis protagonismo. En 2025, as empresas que integren a seguridade desde o deseño do software —e non como un paso final— poderán responder mellor aos desafíos do contorno dixital. Automatizar auditorías, aplicar políticas de seguridade continua e formar os equipos en boas prácticas será clave.
Ademais, o ecosistema de ferramentas en cada etapa do ciclo DevSecOps está a evolucionar rapidamente grazas á intelixencia artificial. A QA (Quality Assurance) está a beneficiarse de automatizacións impulsadas por IA que permiten identificar erros máis rápido e con maior precisión. As probas de seguridade, tanto SAST (análise estática) como DAST (análise dinámica), tamén están a ser asistidas por modelos de IA que aceleran a detección de vulnerabilidades e axudan a priorizar a súa resolución en función do risco real. Estas innovacións non só melloran a eficiencia, senón que reforzan un enfoque proactivo fronte á seguridade.
4. Enxeñaría de plataformas: a resposta ao caos tecnolóxico
A explosión de ferramentas e contornos fixo que moitas empresas enfronten unha desorde tecnolóxica. A enxeñaría de plataformas xorde como solución para unificar infraestruturas, ferramentas e procesos, facilitando que os desenvolvedores
traballen de forma máis eficiente. En 2025, contar cunha plataforma interna ben deseñada será unha vantaxe estratéxica.
5. Sostibilidade dixital: eficiencia desde o deseño
O desenvolvemento de software non escapa ao compromiso ambiental. En 2025, veremos unha maior preocupación pola sostibilidade dixital, aplicando principios de eficiencia enerxética no deseño de sistemas, optimizando recursos na nube e desenvolvendo aplicacións que consuman menos. O "software verde" xa non é unha moda, é unha necesidade.
Esta conciencia ambiental non só debe reflectirse no código, senón en todo o proceso de industrialización do desenvolvemento, incluíndo cada fase do ciclo DevSecOps. Desde a planificación até a monitorización, é fundamental aplicar prácticas sostibles que minimicen o uso de recursos, reduzan a pegada de carbono das infraestruturas e fomenten unha cultura de desenvolvemento responsable. A eficiencia enerxética e a sostibilidade deben formar parte dos criterios de calidade na entrega de software.
6. Vibe Coding
En 2025, unha tendencia que está a gañar protagonismo —e xerando debate— é o Vibe Coding: programar exclusivamente con axuda de intelixencia artificial, confiando en que os resultados “funcionen” sen unha análise profunda detrás. Aínda que esta práctica pode ser útil para prototipado rápido ou tarefas moi concretas, conleva riscos importantes cando se aplica sen control: perda de mantenibilidade, aumento da débeda técnica, falta de comprensión do código xerado e, sobre todo, problemas graves en contornos críticos ou regulados. En Enxenio cremos que a IA é unha aliada, non un substituto. Apostamos por unha enxeñaría de software sólida, na que a tecnoloxía potencia o traballo de profesionais expertos, pero non substitúe a planificación, o deseño rigoroso nin a validación responsable. O verdadeiro valor non está en xerar código rápido, senón en construír solucións sostibles, seguras e de calidade.
Prepararse hoxe para liderar mañá
Adaptarse a estas tendencias non significa cambialo todo de golpe, senón ter a capacidade de evolucionar de forma consciente. En Enxenio traballamos con empresas que buscan construír software sólido, innovador e aliñado coas necesidades reais do negocio.
Se che gustou este post non dubides en botarlle unha ollada á nosa última entrada: https://www.enxenio.es/es/post/ia-aliado-para-personas