STEPS, Evolución na Prestación de Servizos en Campo
STEPS propón o desenvolvemento dun conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras que actúen de facilitadoras do proceso de transformación dixital para as empresas prestadoras de servizos expertos en campo (expert field services). As solucións desenvolvidas estarán destinadas á súa integración na infraestrutura software das devanditas empresas e porán ao seu dispor un conxunto de funcionalidades de alto valor engadido que lles permitan evolucionar os seus catálogos de prestacións para mellorar os servizos actuais ou crear novos servizos e modelos de negocio.
Os desenvolvementos estarán centrados en tres aspectos clave para a transformación dixital destas empresas e a obtención de vantaxes competitivas dentro dos seus respectivos mercados, e que determinan as tres grandes liñas de actuación do proxecto:
- A explotación dos datos obtidos na prestación dos servizos en campo, co obxectivo de facer explícita información que estea implícita neles, e que poida resultar útil para a optimización dos procesos e a toma de decisións.
- A creación de ferramentas avanzadas de interacción en tempo real que permitan aos técnicos en campo recibir asistencia remota doutros técnicos ou expertos para a resolución de incidencias, e reducir os tempos de prestación dos servizos e a porcentaxe de visitas erradas..
- A optimización da xestión das forzas de traballo móbiles (Mobile Workforce Management) que permitan mellorar a produtividade dos servizos en campo para reducir os tempos e os custos, e incrementar finalmente a satisfacción dos clientes.
Para alcanzarmos os obxectivos propostos en cada unha destas liñas, desenvolveranse un conxunto de funcionalidades nas que se combinarán métodos e técnicas avanzadas pertencentes ás distintas disciplinas do ámbito da computación (como Minaría de Datos, Aprendizaxe Automática ou Investigación Operativa), con tecnoloxías específicas para a resolución de facetas concretas como a retransmisión de vídeo (streaming).
STEPS é un proxecto coordinado no que participan ENXENIO S. L., DEKRA Services S. A. e a Universidade da Coruña.
Este proxecto, con referencia RTC-2017-5908-7, foi cofinanciado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (Agencia Estatal de Investigación) e pola Unión Europea (Fondos FEDER) co obxectivo de Promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade.