GEMA, Xestión da Mobilidade.
Retos e obxectivos.
Este proxecto aborda catro retos de investigación relevantes e actuais nos que se pretende realizar aportacións e desenvolver tecnoloxía que avance o estado da arte actual. Son:
- Planificación Intelixente.
- Etiquetado Semántico de Traxectorias.
- Representación e Almacenamento eficiente de Traxectorias.
- Desenvolvemento Automatizado do Software.
Os avances científico-tecnolóxicos que se pretenden realizar neses catro retos de investigación constitúen os 4 Obxectivos De Investigación ou transversais do proxecto. Os resultados dos tres primeiros obxectivos de investigación permitirán a creación dos diferentes módulos software que necesitaría unha aplicación avanzada de Xestión de Traballadores Móbiles (XTM) para posibilitar a planificación, seguemento e o almacenamento e explotación dos traballos diarios de cada traballador/a móbil. Así, cos devanditos módulos, implementaranse tres prototipos de aplicación XTM adaptados, cada un deles, ás necesidades dunha das tres empresas no TIC do consorcio. Estes tres prototipos, que terán unha arquitectura software común, constitúen os 3 Obxectivos Tecnolóxicos ou verticais do proxecto, e servirán para probar e validar as tecnoloxías dos tres primeiros retos de investigación. .
Por outra banda, os seus módulos de software, debidamente encasullados, utilizaranse para crear un cuarto prototipo para a empresa TIC do consorcio, pero en vez de ser unha aplicación XTM, será unha Ferramenta para a Xeración de HGAGTM que constitúe o Obxectivo Final do proxecto. Para a creación de HGAGTM non só se necesitarán os compoñentes previamente creados, resultado dos tres primeiros retos de investigación e probados mediante o seu uso nos tres prototipos de aplicación XTM, senón que ademais cumprirá, obviamente, abordar o cuarto reto de investigación.
Entidades participantes.
- Gestora de subproductos de Galicia, S. L.
- Enxenio S. L.
- A0 Mayores Servicios Sociales, S. L.
- Taprega Prevención de Riesgos, S. L.
- Centro Tecnolóxico da Universidade da Coruña (CITIC).
Financiamento público.
Este Proxecto, co nº de expediente IN852A 2018/14, foi subvencionado na convocatoria Conecta Peme 2018 pola Axencia Galega de Innovación co apoio da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, e cofinanciado polos fondos FEDER da Unión Europea.
Resultados do proxecto.
Como xa dixemos, o traballo de investigación debía dar como resultado 3 prototipos de aplicación de xestión de traballadores móbiles para cada unha das tres empresas non tecnolóxicas do consorcio. Estes prototipos constituíron os obxectivos tecnolóxicos do proxecto.
Os resultados xerais da investigación descríbense no sitio web do CITIC, posto que os investigadores dese centro foron os seus responsábeis. Do mesmo modo, o sitio web de cada empresa describe o prototipo realizado para ela. Polo tanto, aquí só describimos o traballo realizado por e para Enxenio. Cabe sinalar que a pandemia, co confinamento primeiro e as restricións de contacto despois que levaron ao persoal de enxenio ao teletraballo, obstaculizou o desenvolvemento do traballo. Porén, a pesar destes retrasos, logramos alcanzar todos os obxectivos do proxecto e desenvolvimos todas as aplicacións até a súa actual fase de prototipo que, tras un proceso de probas de campo e os conseguintes axustes, será plenamente funcional no futuro.
Os compoñentes ou core assets extraídos de cada prototipo modificáronse para adaptalos a unha arquitectura común deseñada tendo en conta as particulariedades do dominio, de xeito que poden ser ensamblados cando se xera un produto que os usa. O enfoque que se seguiu para a construción da ferramenta é o de Liñas de Produto Software (LPS), un campo de investigación que goza cada vez máis de popularidade. No camiño para podermos facer productos xenéricos, fomos máis alá do que nos propón unha LPS pura, e incluímos no noso motor de derivación, a peza que se encarga de ensamblar os compoñentes, capacidades de transformación de código a partir de modelos. Para levar a cabo esas transformacións, foi necesario contar con modelos con anotacións dun xeito específico que encaixen co resto dos compoñentes do produto. Para este proceso, baseámonos no que a industria coñece como scaffolding.
Ademais do motor de derivación (e scaffolding) e dos compoñentes (e modelos de transformación), cómpre contar cunha forma de confeccionar ou configurar os produtos. Por iso deseñamos unha linguaxe específica de dominio que se representa en formato JSON, e que é interpretábel polo motor de derivación. Evidentemente, non lle podemos pedir aos usuarios da ferramenta que escriban en JSON directamente, polo que deseñamos unha interface web para a nosa HGAGTM. Nesta interface de especificación, permitímoslle ao analista deseñar o modelo de datos da aplicación utilizando un diagrama de clases UML (Figura 1) e seleccionar as funcionalidades que desexa para unha aplicación concreta (Figura 2). A listaxe de funcionalidades está relacionada cos compoñentes XTM aínda que tamén incluímos funcionalidades clásicas necesarias en calquera páxina web empresarial, como xestión de usuarios e autenticación ou listaxes e formularios para as entidades definidas.
Figura 1: Interface de HGAGTM para a definición do modelo de datos dun produto utilizando un diagrama de clases UML
Figura 2: Interface de HGAGTM para a selección de funcionalidades dun produto
Unha vez que o analista termina a especificación dun produto, pode xerar o seu código fonte cun sinxelo clic. Tamén ten a opción de almacenar a especificación deseñada na base de datos da ferramenta, de xeito que o pode volver xerar ou modificalo posteriormente.
As interfaces dos compoñentes XTM do produto xerado, extraídos dos prototipos desenvolvidos polas outras empresas do consorcio, son totalmente funcionais. Podemos ver un exemplo da planificación dun empregado na imaxe de Figura 3. Vemos que ten o aspecto de taboleiro ou dashboard, e conta cun mapa que mostra tanto a posición do empregado como a dos clientes que ten que visitar, así como unha listaxe deles ordenados cronoloxicamente e con ligazóns ás súas fichas individuais onde se poden ver máis detalles. Amais, nesa imaxe vemos a listaxe de compoñentes de análise de mobilidade incluídos no produto.
Figura 3: Planificación dun empregado nun produto xerado por HGAGTM
Sen ánimo de sermos exhaustivos, o produto xerado pola LPS inclúe un planificador, funcionalidade para recibir as traxectorias dos traballadores desde un app móbil, os algoritmos para identificar as actividades semánticas que realizaron os traballadores, a funcionalidade para almacenar as traxectorias semánticas de modo comprimido nunha estrutura compacta, a funcionalidade para explotar as traxectorias semánticas e unha interface amigábel que lle facilite á xerencia da empresa a explotación das traxectorias e a análise do seguimento real das planificacións.